Home
 
PLENO SOBRE O ESTADO DO MUNICIPIO PDF Imprimir E-mail

Discurso do Alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.



Bos días, concelleiras e concelleiros:

Cumprindo co precepto, que este Goberno Municipal se impuxo a si mesmo de manter a transparencia informativa, coa que nos honramos, convocámonos aquí hoxe, na segunda edición do debate do estado do Municipio. Este Pleno extraordinario, ás portas de finalizar un ano convulso e cheo de acontecementos pouco alentadores, cumpre coa función de botar a mirada sobre o camiño andado e poñer na liña de saída os proxectos municipais, que van facer posible que Santiago de Compostela manteña a vitalidade social que lle caracteriza e a permanente esperanza de seguir construíndo un futuro mellor.

E xa que comezo falando de transparencia, é de xustiza que deixe constancia aquí do informe que elabora a ONG Transparencia Internacional España, que sitúa ó Goberno Municipal de Santiago á cabeza dos concellos galegos e no número quince dos de España no índice de transparencia. O Concello de Santiago recibe unha puntuación de transparencia global de 88,8 puntos sobre 100.


Facendo gala desa transparencia miramos o acontecer do ano 2009. Un ano que vai quedar na memoria colectiva e na historia da Humanidade marcado polo estigma da crise económica internacional. Vinte anos despois da caída do Muro de Berlín, dúas décadas despois de emprendida a nova aventura dun mundo que semellaba máis solidario, sen muros divisorios, atopámonos nunha encrucillada de fracaso económico sen precedentes, arrastrados polas teorías conservadoras dos neocom e a desmedida ambición dos especuladores económicos. Unha situación de crise internacional que, como unha gran onda de auga, se transmite a todos os puntos do planeta e a todos os ámbitos sociais sen excepción. E, naturalmente, deste escenario as administracións municipais non están ausentes por moi diminuta que sexan ou afastadas que poidan estar dos núcleos de decisión.

A crise económica internacional ven sendo desde mediados do 2008 o decorado sobre o que se move a vida pública. No presente ano a presión dese drama foise acentuando ata chegar a este último trimestre no que os indicadores máis fiables proxectan tímidas luces de esperanza. Unha situación na que foi necesaria a solidariedade de todas as administracións, Estado, gobernos autónomos e municipios, para paliar os problemas individuais dos cidadáns máis necesitados, apoiar as empresas en situacións de desvantaxes e articular medidas de contención do gasto sen pechar a billa que permite a moitos sectores manter o seu pulso de actividade. Neste difícil equilibro os concellos, como administración máis próxima os cidadáns, correspondeunos xogar un papel fundamental sen dispor de recursos suficientes nin competencias, e ademais enfrontándonos á mingua dos ingresos como consecuencia da crise do sector da construción, da reducción do consumo, da actividade económica e a participación nos ingresos do Estado.

Sen embargo, en Santiago de Compostela debemos seguir mirando con optimismo ó futuro e felicitarnos colectivamente de circular polas corredoiras da crise entre atrancos pero sen dificultades insuperables. Nesta encrucillada a nosa cidade demostrou a súa solvencia e avaliou positivamente ás políticas desenvolvidas polo Goberno Municipal nas últimas décadas en materia de planificación,
de construción de polígonos de vivendas, da posta no mercado de solos industriais e comerciais, de diversificación do tecido productivo e terciario, de afianzamento e crecemento de sectores como os dependentes do turismo, das diferentes administracións públicas, dos medios de comunicación, das novas tecnoloxías, por sinalar algúns que nun pasado non tan remoto tiñan un escaso ou nulo peso na realidade tanto social como económica da cidade.

Permítaseme dicir que neste contexto de crise económica internacional, Santiago de Compostela está a ter un comportamento máis resistente e positivo do xeral. Maniféstoo coa satisfacción de constatar que o resultado das nosas políticas non eran errados, contra a opinión dos que nos acusan unhas veces de desbarate, cando emprendemos grandes proxectos, e ó mesmo tempo de falla de ambición, cando nos detemos a medir, prever e investir nas pequenas actuacións, que tamén completan a realidade social dunha cidade viva e en permanente evolución.

    Hoxe gozamos dunha cidade que é referente nacional e internacional en moitos aspectos, pero cinguíndome á cuestión económica e centrándonos na crise da construción de vivendas, área na que as críticas foron historicamente reiterativas contra este Goberno Municipal, hoxe podemos dicir, sen renunciar os conceptos que guían esas políticas, sen romper a coherencia da nosa traxectoria, que Compostela é unha illa en plena crise.
A media da caída nacional de visados de vivendas está nun 63,43%, a media da caída negativa en Galicia sitúase nada menos que nun 71,29%, a media de caída na provincia da Coruña cífrase nun 61%, pero o retroceso na área de Santiago é de só un 25%, debido ó bo comportamento da nosa cidade, porque Santiago de Compostela é a única cidade de toda Galicia que crece un 32% sobre o ano anterior, propiciando ese bo comportamento global da comarca, que por si soa cae como o resto da provincia. Pasamos de 448 vivendas visadas no primeiro semestre de 2008 ás 593 do primeiro semestre do presente ano. Só tres cidades de toda España crecen mentres o resto retrocede, e unha desas tres cidades é Compostela.
Ese comportamento económica e produtivamente positivo convértenos nun illa no mar dos fracasos da especulación e da construción desmesurada, segundo datos do Colexio de Arquitectos.

    No medio do afundimento inmobiliario nacional, Santiago de Compostela non só non cae, senón que segue crecendo. Esta situación, fora dos tempos de bonanza, demostra que o fixemos ben no pasado e seguímolo facendo ben no presente. Porque estas cifras non son casuais, Compostela é hoxe a cidade máis activa do sector da construción en toda Galicia pero xa no 2008, coas gadoupadas da crise azoutando en todo o país, tamén cerramos o balance anual con cifras en positivo. En Santiago outorgamos licencias para a construción de 1.164 novas vivendas. E estas non son valoracións sacadas unicamente dos arquivos do Concello, son datos feitos públicos tamén polo Consello Superior de Arquitectos de España. Datos reais dunha organización independente.

    Coa aprobación o pasado ano dun PXOM realista e coherente, o crecemento sostido, a correcta planificación dos novos ensanches do norte e do leste da cidade e a eficaz execución por parte de EMUVISSA, o Goberno Municipal continuou no presente exercicio consolidando o modelo de crecemento ordenado, neste momento estanse a redactar e tramitar planeamento para a construción das 11.250 vivendas previstas no plan, das que máis de 7.700 terán algún tipo de protección. Esto representará unha incorporación ó tecido da cidade de 1.748.663 metros cadrados de novo solo residencial.

Deste xeito seguimos mantendo o pulo da Capital de Galicia no presente e de cara o futuro inmediato sen abandonar o noso rego pola presión da crise. E debo lembrar que o 80% da vivenda que se constrúe en Compostela faise en polígonos xestionados polo propio Concello. Neste ano o número de licencias outorgadas a vivendas unifamiliares é de 230, ás que hai que engadir 786 vivendas colectivas e 26 naves industriais.
A actividade de EMUVISSA podémola resumir sinalando que ata o mes de outubro a empresa municipal investiu 4.300.000 € na adquisición de solo para a súa transformación en residencial, principalmente no polígono da Muíña. Temos que resaltar que no que vai de ano executou obras de urbanización por un importe de 3.974.172 €, cun ritmo de execución do 80 % en Pontepedriña e Tras Paxonal e máis do 30 % en Lamas de Abade. Que, non obstante da crise do sector, EMUVISSA vendeu parcelas por importe de SEIS millóns nas zonas de Pontepedriña, Castro de Abaixo e A Muíña. En relación co Programa de Edificios Tutelados, a actuación a cargo de EMUVISSA e o Consorcio da Cidade rematará este ano, executándose na súa totalidade. Aínda que sabemos que os resultados dunha empresa municipal de vivenda e solo deben valorarse partindo de datos plurianuais, con estes datos a actividade de EMUVISSA, durante o que vai de ano e de crise, amosa a súa solvencia e avala a boa saúde da nosa cidade nesta materia. Globalmente podemos resumir os datos sinalando que empresa municipal está preparando solo para 1.979 vivendas protexidas, vendeu parcelas para o 73% das mesmas, o que representa un total de 1.446 novas vivendas, e dispón de solo para outras 533 de venda inmediata.

Pero en relación coa actividade de EMUVISSA non podemos pasar por alto as dificultades existentes para executar o polígono da Pulleira e os solos industriais do norte, nos que levamos invertidos dous anos de xestión. En ambos casos esperamos deixar despexados os problemas este mesmo mes.

Naturalmente os bos resultados non son froito da casualidade nin da inercia do mundo que nos circunda. Nada desto ven de fora nin é producto do esforzo doutras administracións. O que hai máis aló dos límites do Concello, tantas veces envexado e posto de exemplo nesta mesma cámara ou nos medios de comunicación pola oposición, está hoxe sufrindo as consecuencias da desmesurada especulación, do paro e da parálise empresarial. O fracaso das políticas do PP nos concellos do noso contorno contrasta agora co mellor comportamento das políticas de vivenda e solo empresarial aplicadas en Compostela polo Goberno Municipal.

    Ó mellor, no lugar de illa debería falar aquí de oasis para referirme ao bo comportamento de resistencia de Santiago de Compostela. Porque neste oasis temos a sorte de poder facer nosas as conclusións da Cámara de Comercio, cando o día 13 de outubro facía público os seus datos, nos que reflectía que a caída da actividade económica en Santiago é menor que a media de Galicia e do Estado. Probablemente esto teña moita relación co comportamento do desemprego que, desgraciadamente viviu un proceso ascendente sen paliativos en toda a xeografía internacional. Porén, segundo os datos do INEM, o municipio da provincia, que mediado o ano veu reducido en maior medida o número de parados, foi Santiago, se ben é certo que logo do verán volveu subir. En abril, o Concello asinou o Pacto Local polo Emprego con representantes de sete entidades vinculadas ó mercado laboral, entre as que están a Xunta, a Universidade, sindicatos e asociacións de empresarios.

A estas realidades debemos sumar outros indicadores como o do Atlas Socioeconómico de Galicia elaborado por Caixanova que coloca a Santiago de Compostela á cabeza do índice de riqueza de Galicia desbancando do primeiro posto a cidade da Coruña, cunha renda dispoñible por habitante de 15.229 € fronte a media de Galicia de 13.547 €.  Pola súa banda o Anuario Económico de La Caixa, que sitúa a nosa cidade como a número tres de Galicia con maior poder adquisitivo. Compostela, unha vez máis está na cabeceira das cidades, que se salvan do afundimento do nivel adquisitivo.

Sobre Compostela recae, ademais, a responsabilidade de soster o 80% da actividade económica da nosa área de influencia. Xa somos a terceira cidade de Galicia no ranking industrial e comercial. O esforzo realizado en materia de solo industrial tamén serviu para paliar os efectos da crise.
Consolidados os parques empresariais de Costa Vella, Boisaca e a ampliación do Tambre, as máquinas hai meses que están traballando no novo polígono da Sionlla que achegará máis de 1.450.000 metros cadrados de solo empresarial ós máis de dous millóns de metros cadrados xa consolidados. Seguen adiante os trámites para a execución dos proxectados en Formarís e da segunda fase de ampliación de Costa Vella, que achegarán outros 400.000 metros cadrados máis con capacidade para unhas duascentas parcelas.
No referente ó parque tecnolóxico de san Marcos, dadas as dificultades formuladas por Patrimonio da Xunta, en relación coa traza do Camiño de Santiago, na actualidade o Goberno Municipal está a propor unha nova localización. Neste apartado do solo empresarial tamén debemos facer unha comparanza satisfactoria en relación coa realidade doutras localidades, nas que os polígonos permanecen baleiros e sen clientes, mentres en Compostela mantense a demanda.

    A crise económica, que tantas alertas xera, tanto a nivel individual como colectivo, tamén incidiu no comercio compostelán, outras das bases dinámicas da nosa economía. Temos asistido con preocupación á desaparición de pequenas empresas familiares, de pequenos negocios tradicionais que, nuns casos pola súa inviabilidade en momentos difíciles, noutras pola xubilación dos seus propietarios ou por circunstancias non explícitas, pecharon as portas definitivamente. Temos asistido e compartido ó nerviosismo dos colectivos e asociacións do comercio e desde o Goberno Municipal tentamos en todo momento achegar axudas e solucións na medida que as nosas competencias nolo permiten. Hoxe podemos dicir, á marxe de polémicas sen fundamentos ou interesadas, que a actividade comercial en Santiago de Compostela, no exercicio de mantemento da súa productividade asiste a unha rexeneración alentadora.

Resulta alentador ler titulares de prensa que falan do dinamismo do comercio do Ensanche e da súa resistencia fronte ás inclemencias do temporal económico. Non é un segredo para ningún cidadán de Compostela o esforzo inversor que o Concello fixo nesta zona, hai dúas décadas caótica e desprestixiada, para conseguir a súa humanización e modernización.
Ó cambio desa realidade urbana contribúe, sen dúbida algunha, á dinamización comercial que agora se amosa resistente e permanentemente anovadora. Un cambio, que no presente ano temos abordado na remodelación do último tramo que quedaba pendente en Xeneral Pardiñas e na rede de rúas do chamado Ensanche vello, que estarán totalmente concluídas no termo deste mes de decembro.

En relación co comercio da Cidade Histórica os parámetros de axudas podemos medilos mediante os convenios de colaboración, a promoción específica e especialmente polas axudas á rehabilitación de establecementos; 12 locais foron subvencionados este ano e outros 12 están en proceso de estudio.
Pero tamén coa especial atención que vimos prestando ó mantemento dun conxunto monumental visitado por millóns de turistas. Os plans de rehabilitación de vivendas para evitar a despoboación do núcleo é unha realidade en permanente continuidade. No presente ano o Consorcio da Cidade e a oficina do Rehabilitación aprobaron inicialmente 119 subvencións para rehabilitación de vivendas e rematáronse 111 obras. A revalorización dos inmobles desta zona non tiña precedente na historia da cidade. Incluso nestes momentos de caída do prezo da vivenda aquí mantense nas mesmas cotas de antes da xeneralización da crise. Ó valor histórico da Cidade Monumental, co esforzo de todos, temos engadido a calidade de vida do século XXI. En recentes palabras do catedrático de historia da Complutense de Madrid, Miguel Ángel Troitiño, Santiago é un exemplo de recuperación do patrimonio cultural, e dos poucos destinos turísticos que non sofren os danos da crise.

 Esta afirmación resulta evidente porque os programas de desestacionalización do turismo están dando resultados, como veremos máis adiante, propiciando que os visitantes da cidade circulen polas nosas rúas practicamente na totalidade do ano, achegando un beneficio evidente ó comercio da Cidade Histórica, en primeiro lugar, e o comercio dos seus bordos, como é o caso do Ensanche, cada vez con máis frecuencia. De xeito parello traballamos por manter e mellorar a actividade do Praza de Abastos acondicionando as estancias menos favorecidas para facer o labor dos comerciantes máis doada pero tamén máis atractiva para os clientes.
 
Podería facer aquí un reconto da diversidade de axudas, sinaturas de convenios e do esforzo que o Concello ven realizando a prol do comercio compostelá en xeral, pero voume limitar a lembrar que este Goberno tivo sempre entre a súas prioridades a protección do pequeno comercio sen renunciar á diversificación e modernización, que hoxe nos sitúa como núcleo preferente de compras para cerca dun millón de consumidores habituais, ós que debemos sumar, como sinalo, o caudal de visitantes que achega o turismo, a sanidade,  a vida universitaria ou as xestións que xeran as distintas administracións con sede nesta Capital de Galicia.

Polo que respecta ó Mercado de Amio, este ano volvemos constatar que, no número de transaccións de gando, continúa sendo o segundo mercado en volume de negocio de España, superado só por Pola de Siero. Diversificar a actividade de Amio é outra das prioridades na que traballamos, deste xeito citas expositoras e de ventas como os Compostela Outlet, Expovivenda, as dúas feiras cabalar, a do automóbil, a de antigüidades ou a pista de xeo no Nadal, son algunhas das actividades que impulsan un mellor aproveitamento das instalacións e atraen a Compostela un público especializado.

No apoio as entidades representativas da industria e do comercio, no mes de febreiro o Concello cedeulle unha parcela ó Consello Galego de Cámaras para a construción da súa sede na nosa cidade. Tamén comprometémonos co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia a estudiar a posibilidade de cederlles un terreo para a construción da súa nova sede.
Pero non debemos esquecer que a acadar todos estes resultados contribúe o feito de que nos orzamentos, aprobados en solitario polo Goberno Municipal, para este exercicio priman o gasto social e as políticas de emprego, cunha evidente aposta solidaria en momentos de dificultades económicas.

O ano 2009 tamén pasará a historia de Galicia polo novo relevo do goberno na Xunta. O regreso dos conservadores a San Caetano ven xerando cambios ou paralizacións en relación con proxectos e iniciativas que o Concello tiña concertadas co Goberno anterior ou que eran da súa propia iniciativa. Hai que subliñar a decisión da Xunta de non construír o anunciado Edificio Administrativo de Salgueiriños. Ou a de paralizar en Conxo a sede de Portos de Galicia. Ou o anuncio de retardar a construción dos edificios pendentes na Cidade da Cultura. Ou as dificultades, afortunadamente resoltas, xeradas en relación coa firma do convenio co Ministerio de Fomento para a construción da Estación Intermodal. Porén o problema de máis calado informativo foi a polémica aberta en relación coas liñas de baixo custo e a falla de criterios coherentes coa realidade aeroportuaria á hora de promocionar as terminais galegas.

A primacía de Lavacolla resulta evidente e amósase sólida nos datos que se desprenden do seu funcionamento. Mentres que por mor da crise a meirande parte de aeródromos do país presentan balances negativos, o de Compostela mantén un camiño ascendente. O pasado mes de agosto foi o mellor da nosa historia no referente ó número de pasaxeiros. Lavacolla acaparou o 52% da cota de transporte de viaxeiros en Galicia, algo que hai unha década que non acontecía.
Pero en setembro seguimos subindo e en outubro aínda avanzamos un 9,2% máis, converténdonos nun dos tres únicos aeroportos españois que medrou neste período de tempo. Mirando cara o futuro veremos que a posta en funcionamento da nova terminal en construción vai seguir garantindo a primacía de Lavacolla.

Volver dicir aquí que Compostela é o mascarón de proa do turismo de Galicia e que Lavacolla é a súa porta de entrada natural polo aire, é unha redundancia, pero semella que algúns aínda necesitan escoitalo. O turismo ten para a nosa cidade un compoñente económico de primeira magnitude e desde esa perspectiva o Goberno Municipal ven desenvolvendo un intenso labor e esforzos considerables de promoción dende hai máis de dúas décadas con acerto e criterios solventes. Con eses precedentes, probablemente non debamos considerar unha sorpresa que o turismo de Santiago de Compostela reflicta bos indicadores en momentos de baixada internacional.

O 85% dos turistas que vistan Galicia pasan pola nosa cidade. A consolidación de Santiago como destino de calidade e a desestacionalización, son dous dos factores que veñen actuando positivamente no incremento de visitantes en períodos de tempo estériles no pasado. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística feitos públicos Compostela superou o millón de pernoctación nos dez primeiros meses do ano, segundo os datos do INE de novembro. O crecemento acumulado, respecto do mesmo período de 2008 foi de 7,11%. Estes datos contrastan, ademais coa caída de Galicia e do conxunto do Estado. Máis se temos en conta que Santiago representa o 15,8 % das estadías totais en Galicia e o 30 % no referente a estranxeiros.
   
No Pleno da Corporación de trinta de xullo, o Goberno Municipal aprobou en solitario unha moción instando á Xunta para que a Secretaría Xeral de Turismo mantivese os acordos asinados con INCOLSA nos mesmos termos do 14 de marzo de 2005, posto que o reparto establecido pola Xunta castigaba a primacía de Lavacolla e deixaba a Galicia nunha flagrante indefensión fronte á competencia do Saa Carneiro en Porto. O Goberno Municipal contou en todo momento nas súas reivindicacións coa colaboración e amparo dos sectores implicados e da sociedade compostelá en xeral. No mes de outubro coñecemos o reparto de fondos para a subvención das liñas de baixo custe e tivemos que amosar a nosa desconformidade, aínda que é xusto recoñecer como positivo que o Goberno da Comunidade Autónoma se implique no tema para resolvelo na súa xusta medida.

Fronte o anuncio dun reparto de fondos en base ó peso de cada aeroporto e do compoñente turístico dos mesmos, a realidade é que non saen as contas por ningunha parte. O peso de Lavacolla no sistema galego é do 47,4%, e o compoñente turístico representa entre o 57 e o 60%. Pola contra concédesenos só entre un 34% e un 40% de cota no reparto. Maila todo, valoramos que Compostela ten garantido o servizo con Ryanair e vese incrementado coa nova liña a Zurich de Vueling. Doutra banda, unha vez máis amosamos o noso talante negociador, a nosa vontade de non confrontar con outras instancias administrativas ou políticas e buscar sempre os camiños para sumar e non para restar. Nós entendemos a reivindicación desde o diálogo, non desde o enfrontamento. Defendemos os intereses de Santiago de Compostela pero non imos na procura do deterioro dos intereses doutras cidades galegas.

E con ese espírito de colaboración abrimos as portas do Xacobeo 2010 que volve representar un novo reto ó que a cidade de Santiago, meta indiscutible de todos os camiños, achega o gran bagaxe e a experiencia das celebracións anteriores, ás que debemos engadir o éxito da Cidade Europea da Cultura do ano 2000. O Concello manterá o modelo de colaboración coa Xunta e coa Igrexa, que garantiu o éxito das anteriores edicións. Buscamos o modo de optimizar os recursos e sabemos que esta celebración esixe dun esforzo extraordinario que requirirá pór en tensión todos os recursos humanos e materiais dos que dispoñemos. Xa está en marcha a Comisión de Coordinación co obxecto de canalizar ideas e esforzos para que millóns de visitantes atopen unha cidade segura, limpa e cómoda, na que poidamos garantir tamén a atención sanitaria, a informativa e de servizos. Este esforzo recae principalmente no Concello e na Xunta pero temos solicitado a colaboración da Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, coa que imos contar, do mesmo modo que aconteceu en celebracións anteriores. Hai un mes aprobamos a modificación do Plan Especial da Cidade Histórica para a construción dun albergue de peregrinos no Seminario Menor, en Belvís, dando deste xeito cumprimento á petición do Arcebispado de Santiago.

O Xacobeo representa unha esperanza no campo económico, como moi ben teñen sinalado expertos e empresarios. Experiencias como a do Xacobeo 93, tamén celebrado en plena crise económica internacional, avalan esas expectativas. Entendemos, ademais, que o Xacobeo preséntase como unha oportunidade única para dar a coñecer ó mundo a Cidade da Cultura. Nesta seguridade instamos o goberno da Xunta á apertura progresiva do complexo, a concluír as obras nun prazo o máis breve posible dentro dun calendario razoable e realista, e a articular solucións rápidas para abordar as conexións do complexo arquitectónico e cultural coa cidade e as vías periféricas. Valoramos positivamente algúns dos pasos dados polo novo Goberno, como a unificación das dúas fundacións creadas, o criterio de converter a Cidade da Cultura nunha referencia de valores universais. Porén, non podemos evitar a nosa preocupación polo retardo das obras dos dous edificios que restan, pola necesidade de abrir os xa concluídos e pola necesaria axilización das obras de conexión coa cidade.

 Onde non pode existir dilación en tempos de crise é no artellamento dos servizos sociais para protexer ós máis débiles. O Goberno Municipal, desde os inicios da crise económica, tivo clara a súa responsabilidade neste sector, non obstante da insuficiencia de recursos de competencias.
Os orzamentos para o presente exercicio experimentaron un incremento do 60% para atender o gasto social, mentres en outras áreas foi necesaria unha reducción. Nese capítulo, a cantidade que destinamos a entidades que prestan servizos sociais, pasou dos 408.000 € de 2008 ós 772.000 € do 2009. Incrementamos as nosas achegas á Cociña Económica, a Cáritas, á Cruz Vermella, ó albergue de Xoán XXIII, ás Voluntarias de san Vicente Paúl entre outras, dos 31 convenios atendidos. Igualmente as axudas directas ás familias necesitadas aumentaron en 100.000 €. e 85 familias beneficiáronse das bolsas de comedor escolar, entre as múltiples actividades da Concellería de Servizos Sociais para atenuar as necesidades e carencias sociais.

Hai que salientar o bo funcionamento do Plan de Inclusión Social, no que este ano demos un novo pulo ó Equipo Sociolaboral, cunha nova organización e estratexias de intervención. Preto de cincocentas persoas benefícianse deste plan. Constituímos a Rede de Inserción, establecendo mecanismos de colaboración entre todas as entidades implicadas na loita contra a pobreza. Desde a Unidade de Intervención Familiar e contra a loita do absentismo escolar, atendéronse 123 familias. En relación directa coa igualdade fomentamos os movementos asociativos e de defensa da muller, de cuxas subvencións benefícianse doce asociacións ou entidades locais. 135 é u número de RISGAS tramitadas e concedidas. No resumo total, as prestacións de servizos realizadas á Xunta de Galicia, ascenderon a 797, entre as que cabe destacar as 196 axudas á dependencia. E neste labor de axudas non podemos esquecer o gasto dun millón de euros investido polo Concello no pago de bonos bus gratuítos dos que se benefician case 14.000 usuarios repartidos entre minusválidos e acompañantes, cidadáns carentes de recursos, maiores de sesenta e cinco anos, pensionistas e xubilados.

Outras accións, como a creación do Banco Municipal de Tempo, que promove o intercambio de servizos e axuda á conciliación da vida laboral e persoal; a colaboración con asociacións como AGADEA; a Fundación Secretariado Xitano e os colectivos de inmigrantes; contribúen a fomentar unha sociedade con maior benestar, máis solidaria e de mellor convivencia. No presente exercicio continuamos coa iniciativa emprendida no ano 2002 cedendo á Asociación Síndrome de Down unha parcela para as súas instalacións; e no ano 2005 coa cesión a COGAMI de outra parcela municipal para a execución do modélico edifico xa en servizo en Fontiñas, que fai máis activa a vida das persoas con discapacidade. No presente ano, Concello cedeu unha parcela de 300 m2 en Salgueiriños á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple para a creación dun Centro Social e de Rehabilitación Integral. Neste mesmo marco se integran os acordos coa Asociación Sarela de Dano Cerebral, á que se lle cede unha parcela no Castiñeiriño para a construción da súa nova sede. Tamén na actualidade tramitamos a cesión de terreos á Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia; e contemplamos colaborar con FADENGA, cedéndolle una parcela coa finalidade de levar adiante un programa de vivendas para familias con estas discapacidades. Todas estas acción levan impreso o mesmo obxectivo de crear espazos de convivencia para todos os cidadáns con diferentes problemas crónicos de saúde.

Con esta política de axuda ós máis débiles, e solidaria cos sectores que máis o necesitan, o Goberno Municipal persegue un fin evidente: aumentar a calidade de vida e a convivencia cidadán. Considero que toda acción de goberno debe perseguir o ben común, por eso os nosos plans adoitan contemplar accións transversais, que superen os obxectivos evidentes enunciados nos propios programas para proxectarse noutras accións sociais. Esa é a filosofía dos Fondos Estatais de Inversión Local. Polo proceso de investir na cidade, de xerar obras de melloras, perséguese a creación de postos de traballo nun período de crecente demanda de emprego e escasa oferta laboral.
 Grazas ó FEIL, tamén coñecido como Plan Zapatero, en Compostela abordamos no presente ano 33 proxectos de obras, que non estaban contemplados nas inversións dos orzamentos municipais, mediante os cales investíronse 16.585.923 €. O resultado directo e que, entre postos de traballos mantidos polas empresas e novas contratacións, deuse emprego a preto de novecentos traballadores, contribuíndo a reducir a lista do INEM e crear seguridade, confianza e benestar nas familias.

A meirande parte dos investimentos do FEIL foron destinados a obras de reurbanización en diversas zonas da cidade. Practicamente a totalidade estarán concluídas co remate do ano. Con este plan completamos o 80 % do proceso de remodelación do Ensanche, abordamos un importante cambio nas rúas de García Prieto, Sánchez Freire e Avenida de Vilagarcía, conexión tradicional do Ensanche con Conxo. En Fontiñas renovamos a rúa Londres. Realizamos actuacións en Pontepedriña, As Cancelas, Meixonfrío, no núcleo das Canteiras, nas rúas Raiola, Trindade e Belvís, no espazo público do Olvido e no seu contorno. Remodelamos a zona norte do parque de Salgueiriños. As redes de abastecemento e saneamento tamén están sendo obxecto de melloras no marco deste fondo estatal con actuacións en Pontepedriña, Meixonfrío, A Almáciga, rueiro de Figueiriñas, avenida de Rosalía de Castro e nas rúas Pequena, Grabanxa, Queimada e do Ceo. No referente a novos equipamentos, compre citar a creación da nova área de xogos no parque de san Lázaro, a área de Vidán, a adecuación dos locais para Protección Civil, as melloras do polideportivo Quiroga Palacios, a mellora nos servizos de abastecemento de auga e saneamento, as melloras nos Camiños de Santiago e nos Centros Sociculturais.

    Teño expresado en diversas ocasións o meu criterio en cada mandato de sementar durante tres anos para ter unha boa colleita no seguinte. Pero tamén é evidente que ademais de resolver o presente cada día temos a obriga de construír o futuro. Todas as obras do plan Zapatero, as que fixen referencia, están enmarcadas nesa obriga da urxencia fronte a realidade.
O vindeiro ano, no que os orzamentos municipais terán que volver se axustados, teremos a fortuna de contar cunha segunda convocatoria do FEIL que volverá poñer nas mans das empresas que traballan en Santiago dez millóns douscentos mil euros cos que manter os postos de traballo e xerar riqueza. Con estes fondos o Concello abordará trinta e tres novos proxectos
nos que podemos salientar instalacións deportivas en Villestro, Monte dos Postes e San Lázaro; rehabilitación de centros educativos,  construción dun equipamento sociocultural en Santa Marta, habilitación de zona de xogos en Galeras e de lecer en Salgueiriños, construción dunha prata de compostaxe, substitución nos materiais e tecnoloxía nas redes de augas e iluminación nas rúas República do Salvador, Irmáns Rei Alvite, López Ferriro, Arzúa e Torreira; construción da rede abastecemento nas parroquias de Lavacolla e Marrozos, e nas rúas Diego Peláez e Ulpiano Villanueva; unha rede de saneamento no Refuxio de Animais; supresión de barreiras arquitectónicas en parques e viarios públicos, ademais dunha serie de proxectos para mellora da mobilidade e modernización da administración municipal.

Con todo, coa crise pesando sobre o ánimo dos cidadáns e das familias, as estratexia do Goberno Municipal foi tendente en todo momento a manter o pulo das obras e inversións, tanto desde o propio Concello como desde o Consorcio da Cidade. Lonxe de semellar unha cidade durmida ou amortecida polo temor, preferimos ter as rúas levantadas en obras a ter as tendas pechadas pola falla de recurso dos clientes. Nese ánimo de construír o futuro, máis aló dos catro anos que marca a fronteira de cada mandato, emprendemos e xestionamos proxectos que este ano comezaron a fraguar en realidades.
Os cinco grandes retos en infraestructuras, tantas veces negados pola oposición, están en marcha. A terminal de Lavacolla, a estación intermodal para a chegada do AVE, o túnel do Hórreo, a rede de colectores e a EDAR. A eles debemos engadir obras de gran importancia para Compostela como a Cidade da Cultura, a duplicación da AP-9, o plan de travesías, o paso soterrado pola rotonda de Conxo, o Plan Urbana Norte e outras obras en marcha, ás que de seguido voume referir, poñen de manifesto que a xestión deste Goberno Municipal ten xerado na cidade un momento de nova evolución e progreso de cuxos beneficios gozarán todos os veciños e veciñas a finais do vindeiro ano nuns casos, e no primeiro trimestre de 2011 noutros.

A construción do paso soterrado polo Hórreo, coas dificultades que entraña unha obra destas características nunha arteria vital para a circulación, podemos dicir que vaise resolvendo razoablemente ben, grazas ás previsións dos departamentos de Tráfico e Obras do Concello, á organización da construtora e, por descontado, á excelente colaboración dos cidadáns. O nivel de execución está nos termos das previsións. Esta gran infraestructura, xunto coa transformación da Estación de Ferrocarril en Estación Intermodal e coa chegada do AVE, cambiará a fisionomía da zona urbana, ata hai pouco periférica, dun modo transcendental. De aí que aseguremos que esta vai ser a gran obra dos século XXI, pola súa importancia, polo seu volume e pola permanencia no tempo do seu servizo ós cidadáns. Tamén polo que vai representar de apertura do Ensanche e conexión con zonas de crecemento de Pontepedriña, grazas á permeabilidade que trazaremos entre os dous espazos urbanos.

Coa recente sinatura do convenio entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Obras Públicas, o Concello e Adif, quedan despexadas todas as incógnitas xurdidas ó redor desta gran intervención urbana, en grande medida grazas a decida actuación do ministro José Blanco e a súa aposta persoal por Galicia e por Santiago de Compostela.
Agora debemos marcar os tempos nun calendario realista para o desenvolvemento do Plan Especial de Reforma da Estación, do deseño do proxecto arquitectónico, que será responsabilidade dun gran arquitecto e de técnicos de prestixio. Un calendario que recollerá as datas de licitación das obras e a execución das mesmas, contemplando o horizonte do 2011 para o inicio e o 2015 para a conclusión. Agora correspóndelle a empresa Adif acometer o financiamento, mediante un crédito que contraerá con Banco Europeo de Investimento, e a execución da obra en conformidade cos acordos asinados e coas directrices do proxecto negociadas entre Goberno Municipal, Fomento e a propia Adif. Precedendo a sinatura do convenio, quedaron resoltas as expropiacións e definido o trazado do falso túnel para a entrada do AVE en Compostela polo Castiñeiriño, cun investimento superior ós 48 millóns de euros. Compracemos deste modo as peticións veciñais e acadamos solucións acaídas para ese gran proxecto.

Neste apartado de grandes obras acometidas ou no proceso de facelo, debo manifestar a satisfacción co Goberno do Estado en xeral e particularmente co Ministro de Fomento, José Blanco, e a Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa. Os cales, acollendo positivamente as propostas e atendendo ás xestións realizadas desde Goberno Municipal, cunha inversión superior ós cincocentos millóns de euros, avalan e garanten a totalidade das mesmas. Aquí amosamos una vez máis a vitalidade de Compostela e a receptividade que os nosos proxectos e propostas reciben noutras estancias políticas e administracións públicas. Recoñezo que ás xestións levan o seu tempo, non son fáciles, e moito menos en situacións de crise, pero a evidencia do conseguido recompensa o tempo e o traballo investido. Esas grandes obras representan un novo impulso de adecuación á realidade e as necesidades presentes e futuras.

En Compostela non temos tempo para as pausas, o dinamismo da cidade así o demanda. A circulación de máis de 60.000 vehículos diarios pola AP-9 o seu paso por Santiago piden unha duplicación do tramo Santiago Norte–Santiago Sur. O Estado investirá 88 millóns nesa obra, asumidos polo Ministerio de Fomento.
A EDAR na Silvouta, peza clave para o saneamento de Compostela, proxecto afastado e esquecido durante oito anos nun caixón polos gobernos de Aznar, logo de que con foto incluída Isabel Tocino anunciara a bombo e trompeta a súa inmediata construción, por fin está en marcha cun orzamento superior os setenta millóns de euros. Dada as características do río Sar, a tecnoloxía empregadas será de membranas e para iniciar o proceso de adxudicación só resta asinar o convenio coa Xunta, a que obrigan as bases de 2007, que establecen a colaboración en obras de interese xeral entre os gobernos central, autonómico e concellos. Un convenio que está dende hai dous anos sobre a mesa do Conselleiro.

Previa á construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais, seguimos acometendo as obras da rede de colectores xerais nos tramos San Lázaro-Pontepedriña e Pontepedriña-Silvouta, nos que o Ministerio inviste trinta millóns de euros, que será necesario aumentar noutros dez. Xa sabemos que estas obras soterradas, tan útiles como necesarias, carecen de espectacularidade e non deixan máis pegada que os movementos de terra, pero hai que facelas e facelas ben. Por eso levamos traballando anos no saneamento total do municipio comprendido o rural máis extenso de toda Galicia. Do plan de saneamento do rural, xa coñecido, só hai que subliñar que continúa a súa acometida cumprindo os prazos fixados no convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente do goberno anterior da Xunta. A nova depuradora da conca do río Aríns xa entrou en servizo con capacidade para atender a máis de 16.000 veciños das parroquias de Aríns, Marrozos, Eixo (Santa Lucía), Bando, San Pedro de Sar e Lamas de Abade. Na primeira xunta de goberno local de setembro acordamos solicitar a inclusión no PEIM, que executa a Consellería de Medio Rural, as obras de ampliación da rede de abastecemento para o lugar de Piñeiro.

Fronte ós reiterados anuncios da oposición de que a nova terminal de Lavacolla non ía construírse, en xullo deste ano vimos como as máquinas iniciaban os movementos de terra, superábanse os problemas derivados da ocupación dos terreos, hai presupostados 268 millóns para o aeroporto compostelán nos orzamentos do Estado e contémplamos o horizonte de xullo do 2011 para a súa inauguración.
A obra estase executando baixo o marco de sostibilidade que caracterizan todas as actuación que se levan a cabo en Compostela, amosando un espacial coidado pola recuperación e integración da contorna. No 2011 contaremos cunha terminal moderna con capacidade para un movemento anual de máis de catro millóns de pasaxeiros e aparcadoiro para 3.700 vehículos, entre outras importantes infraestructuras, que manterán a Lavacolla como aeroporto de referencia do noroeste peninsular, cun alto nivel de calidade e seguridade. Unha vez máis, para aqueles que falan de retardo neste proxecto, debemos lembrar que o Plan Director do Aeroporto, aprobado polo anterior goberno de España, prevía o inicio das obras precisamente no ano 2011 e a conclusión para decembro do 2013. Quere esto dicir que imos con case tres anos de adianto sobre o plan do ministro Álvarez Cascos.  

Aínda que non corresponde en puridade co estado do municipio, temos que felicitarmos pola conclusión da conexión con Ourense por autovía, ó tempo que reivindicamos a necesidade de chegar a acordos para a reducción da peaxe no tramo Santiago-Lalín, e neste senso apoiamos a transferencia desta vía á Comunidade Autónoma. Esta autovía engade á realidade de Compostela un novo valor na mellora das comunicacións coa meseta. Do mesmo xeito hai que amosar satisfacción pola licitación por parte do Ministerio de Fomento de tres tramos pendentes da autovía Santiago-Lugo, vial que tamén facilitará as comunicacións co norte peninsular. Primeiro dos cales, Santiago-Arzúa, iniciouse esta mesma maná. Outra infraestructura que vai supoñer un gran alivio para a circulación no contorno de Compostela será a nova autovía libre de peaxe entre Sigüeiro e a Picaraña.

En Compostela continuamos o proceso emprendido hai case tres décadas. Mozos e mozas que hoxe suman os trinta anos teñen a fortuna de non coñecer a cidade que herdamos nós e gozar das novas infraestructuras públicas, dos parques e xardíns exemplares, da envexable rehabilitación do Casco Histórico, da tranquilidade da peatonalización do mesmo, da expansión ordenada en zonas como Fontiñas, Conxo, Pontepedriña, Santa Marta, etc., da humanización e remodelación do Ensanche, da modernización das comunicacións, da ampliación da oferta laboral, do gran cambio e da estabilidade que nos avala como destino turístico internacional preferente, e de tantos factores que fan de Santiago de Compostela unha cidade para vivir e traballar con calidade de vida. Este ano 2009 celebramos os primeiros trinta anos de Concellos democráticos e, no lugar de mirar cara atrás con nostalxia, miramos coa satisfacción de ter camiñado cara ó progreso sen deternos un só instante na útil transformación da cidade.

E nese camiñar seguimos porque a nosa obriga como Goberno Municipal consiste en aprender e conservar o bo do pasado, administrar o presente e planificar o futuro.
Con todo un caudal de experiencias positivas e novas iniciativas, estamos abordando proxectos como a reordenación viaria das travesías de entrada e saída da cidade. O tramo de Galeras, Salvadas e Vista Alegre, e avenida de Castelao, van ser as primeiras entradas que se beneficiarán do proxecto integral de mellora urbana denominado Plan de Travesías. Xa adxudicadas as obras do tramo Rosalía de Castro, dende o cruce de Romero Donallo, ata Volta do Castro.  O acceso pola carreteira da Estrada, no tramo entre o Castiñeiriño e os Tilos está xa no proceso de expropiación por parte da Xunta, coa previsión de comezar as obras no próximo trimestre e rematar antes do comezo do 2011. Coa mirada posta nos proxectos que serán realidade o vindeiro ano, aprobamos o reaxuste global do programa Urbana Norte de Santiago co obxecto de adaptalo ó orzamento final de 11.433.590 € dos que o FEDER achega 8.003.513 € o resto será por conta do Concello. O proxecto desenvolve once áreas temáticas que van cambiar e mellorar importantes aspectos da zona norte de Compostela.

Tamén vanse producir cambios de importancia no Campus Sur da Universidade de Santiago grazas a un amplo proxecto de reurbanización que destacará polas súas dotacións medioambientais, dotará á zona de amplos espazos peonís e dun carril bici.
O Concello contribúe a este proxecto apoiando a USC en cada unha das fases do mesmo e achegando terreos cando son necesarios. Temos que salientar o comezo das obras do Museo de Historia Natural Luís Iglesias no parque Vista Alegre, que supón un investimento cércano ós catro millóns de euros e que completa as dotacións culturais e universitarias da antiga finca Vista Alegre, nas que se atopan a Casa Europa, a Escola de Altos Estudios Musicais e o Centro de Estudios Avanzados, todos proxectos producto do labor deste Goberno Municipal, ademais do singular edificio da Sociedad General de Autores de España, para o que o Concello cedeu a correspondente parcela.

No proceso de mellora ou aumento do patrimonio da Cidade, que ven caracterizando a nosa xestión, temos que lembrar que no presente ano deron comezo as obras de remodelación do antigo Banco de España para a instalación do Museo das Peregrinacións e da Cidade, que deberán estar concluídas en outubro do vindeiro ano.
Procedeuse á remodelación e ampliación de espazos interiores do Pazo de Bendaña para a instalación da Biblioteca de Eugenio Granell. Inauguramos a Casa do Asociacionismo na remodelada Estación de Cornes, abrindo deste xeito ás portas dun novo fogar para todos as asociacións de veciños e co obxecto de dinamizar o asociacionismo en Compostela. Inauguramos dúas novas garderías en San Pedro e no Tambre e temos outras tres en fase de proxecto. Abrimos ó público o aparcadoiro soterrado do CHUS ó tempo que remodelamos todo o contorno do hospital e realizamos a conexión coa avda. de Barcelona permeabilizando o acceso desde as novas urbanización da avda. Mestre Máteos. Renovamos e dotamos dun novo alumeado a Alameda, abrimos ó uso dos cidadáns o novo parque das Cancelas e inauguramos cinco novos parques infantís e zonas de lecer en Vidán, San Lázaro, Salgueiriño, Villestro e na propia Alameda.

Facendo sempre uso da nosa capacidade de diálogo e de acadar consensos con outras instancias administrativas e políticas, hai poucas semanas asinamos un convenio co presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas para a construción nas Brañas do Sar do Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural do CSIC.
 Un centro chamado a ser referencia nacional no ámbito da investigación do patrimonio histórico e da paisaxe cultural. As obras darán comezo o vindeiro ano coa previsión de rematalas no 2013. Esta será unha importante intervención que engadirá valor ó futuro parque urbano das Brañas do Sar cuxa execución está prevista na programación plurianual do Consorcio de Santiago. Nesta mesma liña de colaboración en beneficio da cidade, pero tamén de toda Galicia, encadramos a cesión á Consellería de Educación dunha parcela para a construción da nova Escola de Idiomas; doutra parcela á Consellería de Sanidade para a construción do Centro de Saúde do Casco Histórico, dos terreos necesarios para a construcción dos novos xulgados. Temos pendente por parte da Xunta a previsión sobre o Centro de Día de Fontiñas e para o centro para menores do Castiñeiriño, para os que xa aprobamos a cesión de terreos. Tamén colaboramos co Consello de Contas na procura de novas instalación para un mellor desenvolvemento da súa actividade e para que a obra social de Caixa Nova, sen ánimo de lucro, poida dotar ó Casco Histórico de dous novos centros culturais, aprobamos a modificación o Plan Especial de Protección, neste caso por unanimidade.

Celebramos neste mesmo mes o vinte aniversario da inauguración do Auditorio de Galicia, un edificio que dende aquela ven sendo o buque insignia da cultura en Compostela, e un símbolo para toda a Comunidade Autónoma, pola capacidade dinamizadora que demostrou nestas dúas décadas.
A cultura, a educación, as festas e o deporte son áreas específicas nas que se reflicte a calidade continuada do traballo municipal do día a día. A elaboración de programas culturais ou de festas para todos os públicos, a atención ós centros escolares ou ás diversas manifestacións deportivas esixen unha gran dedicación das nosas concelleiras e concelleiros que ven compensados os seus desvelos coa gran participación cidadán con que son acollidos. Neste exercicio melloramos e acondicionamos nove centros socioculturais; esta mesma semana iniciamos os traballos de limpeza e consolidación do xacemento do castelo da Rocha; realizamos obras de melloras e acondicionamentos na totalidade dos catorce centros escolares; contribuímos ó fomento dos deportes de base, a adecuación e conservacións das instalacións deportivas e a promoción dos deportes profesionais, entre outras moitas actuacións recollidas en programas específicos de cultura, educación, festas e deportes.

   Non podo deixar de facer unha referencia ó tráfico da cidade. Unha permanente preocupación cidadán e do Goberno Municipal. Porén, non paga a pena volver sobre a incidencia do tráfico procedente do hínterland sobre a circulación da cidade e sobre a saturación que ocasiona nos espazos reservados para aparcar en superficie. Conscientes do irremediable desta situación tratamos de axilizar os servizos de autobuses interurbanos, cuxa competencia é absoluta da Xunta de Galicia, pendentes do Plan Comarcal de Transportes, xa aprobado polos concellos no mes de febreiro. Introducimos importantes melloras nos servizos de bus urbano, ampliando liñas, incorporando novos vehículos e adecuando as paradas. En outubro a Xunta de Goberno deu visto bo á elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. No mes de agosto entraron en servizo os tres primeiros taxis adaptados para usuarios discapacitados. O plan é chegar a unha flota total de oito vehículos destas características no ano 2017.

TUSSA, a empresa municipal de xestión do transporte urbano, así como EMUVISSA e Mercagalicia pecharon o exercicio do ano 2008 con beneficios. Ano no que, tras concluír o Plan de Saneamento Financeiro, que supuxo unha reducción da débeda municipal en trinta millóns de euros durante os cinco últimos anos, concluíu cun aforro de 4.780.507 €. Estas cifras falan do bo funcionamento económico do Concello.
Na actualidade o endebedamento a longo prazo é de 64.401.645 €, como pode apreciarse moi por baixo do 110% do límite legal establecido na Lei de Facendas Locais. Esta situación permítenos enfrontar mellor o próximo exercicio de 2010, á espera de ver a saída do túnel da crise económica internacional. Para o 2010 volveremos aprobar uns novos orzamentos de contención e austeros, manteremos conxelados os impostos municipais e volvermos primar o gasto social en consonancia coas nosas políticas de solidariedade.

Practicamente no ecuador do mandato, toda a realidade aquí amosada demostra un ano máis a solvencia de Santiago de Compostela e de todos os cidadáns, en primeiro lugar. E a solvencia do Goberno Municipal, en segundo, como responsable de manter o temón sempre en dirección cara ó progreso e á consecución dunha mellor calidade de vida. Dixemos en moitas ocasións que Santiago de Compostela é unha cidade soñada e pensada, de aí que tivéramos a capacidade para facer realidade os proxectos, tanto os ambiciosos como os cotiáns. Nun presente azoutado pola crise, coa lacra do paro chamando ás nosas portas, co temor á caída do consumo e do peche de empresas, Compostela amosouse firme e con capacidade de resistencia. Non imos pecar de triunfalistas nin caer en inxenuidades porque os datos e as estatísticas sexan favorables. Hai que ser realistas porque o vento sempre ten a potestade de cambiar sen avisar. Seguiremos camiñando coa esperanza de construír un mundo mellor para todos porque, segundo Aristóteles, a esperanza é o soño do home esperto.

O 2010 ábrese ante nós coa mirada posta na esperanza que representa un novo Xacobeo. Unha nova oportunidade para presumir de Compostela, unha nova meta volante máis na carreira de seguir construíndo cidade.
En xullo recibiremos as súas Maxestades os Reis e xuntaremos o Real Patronato da Cidade. Na xuntanza confirmaremos uns e agromarán outros proxectos e iniciativas para seguir construíndo o futuro. No 2010 seguiremos soñando espertos unha cidade en positivo. Trataremos de eludir a confrontación e iremos na procura do diálogo e do consenso que nos caracteriza, pero seguiremos sendo firmes defensores da cidade e dos nosos dereitos, como aconteceu coa Cidade da Cultura, coas liñas de baixo custo, coa terminal do aeroporto, coa estación intermodal, coa facultade de Medicina, co apoio a USC no recoñecemento e consecución do Campus de Excelencia... Sempre estaremos espertos e en alerta en defensa dos intereses comúns. É a nosa obriga para chegar aquí, a este debate con transparencia. Este ano o facemos dobremente satisfeitos, logo de arquivada definitivamente a denuncia sobre o aparcamento da praza Roxa e demostrado o recto proceder o Goberno Municipal na execución dunha obra tan importante e definitoria para o Ensanche. E satisfeitos do traballo realizado e coa certeza de que aínda nos queda moito por facer, moito que traballar porque, seguindo a Robert Kennedy, o futuro non é un agasallo é unha conquista.

Manteremos o noso pulso firme para seguir construíndo unha cidade de concordia, culta e hospitalaria, con calidade de vida para vivir e traballar. E que, como Capital de Galicia, represente a todos os galego e galegas dignamente. Na miña calidade de Alcalde manteño eses retos.
Moitas grazas.
Comentarios
Añadir nuevo Buscar
+/-
Escribir comentario
Nombre:
Email:
 
Website:
Título:
Código UBB:
[b] [i] [u] [url] [quote] [code] [img] 
 
 
Por favor introduce el código anti-spam que puedes leer en la imagen.
Sport Watch     |2010-06-25 02:51:53
79983369175689 within this dAy And Age is A respectable daytime, from this
time i frozen toward create sports. impede i insufficiency a couple of
Shoes New Balance Shoes . thus i have to to bad deal Nike Shoes Jordan Shoes . near are a grouping of Nike Shoes Asics Shoes in the shops, i akin to Nike managing Shoes Basketball Shoes , it is pick up instead of running. Nike usage Shoes Nike Golf Shoes intake Eva or trodden Eva as the solitary key whatsoever. it is a two of a
kind of reduced Nike Shoes Authentic Shoes , the price is blond. the sales clerk bid Nike basketball Shoes Running Shoes regarding me. It is in the same way certainly accepted. avoid I notch not
match the color. by the side of obstruction I uninterrupted elect
the Nike management Shoes Nike Running Shoes . It is spread becoming on me.
ed hardy outlet  - Ed Hardy outlet     |2010-08-10 09:02:11
The fashion ed hardy shoes for girls skinny leg denim jeans is massive! There are sever ed hardy shoes al reasons for this following. Firstly, these Ed Hardy Shoes figure squeezing jeans are well-liked by teen superstars and girls often
like to emulate their most loved star. They are also very easy to
wear – jeans complement everything in your wardrobe and can be
dressed up or dressed down based on the situation. Additionally, young
women and teen girls prefer ed hardy clothing to have on something their own mothers can’t, and skinny ed hardy outlet leg jeans fit this description.

3.26 Copyright (C) 2008 Compojoom.com / Copyright (C) 2007 Alain Georgette / Copyright (C) 2006 Frantisek Hliva. All rights reserved."