|
Escrito por Cibrán Santamarina en Lisboa na mes de Marzo, rescato este post co gallo da participación do Atl. Madrid na final da UEFA Cup.
A verdade é que non me podo resistir a escribir outra entrada e debo confesar que a miña inspiración foi o meu tubo de pasta de dentes. Eu son dos que se sinte incómodo se non lavo os dentes despois de cada comida e claro, desde que deixei de vivir en Santiago para incorporarme ós horarios de xornada continuada, no que o almorzo se fai no traballo, non queda outra que ter un cepilliño e un tubiño na oficina. Por enriba, se un está de viaxe, e tal como están as medidas de seguridade no que ao tráfico de avión se refire, tampouco se trata de levar dous destes recipientes, mesmo se vai na equipaxe facturada, que se arrisca un a que o prendan por terrorista internacional nos aeroportos USA ou nos do Reino Unido. Así que como só teño un tubo de pasta lévoo no bolso do apartamento de invitados do Complexo Interdisciplinar da Universidade de Lisboa ás oficinas do LIP ben pertiño da praza de touradas no Campo Pequeno lisboeta.
Pois velaí que o pasado xoves, quinta feira, o Sporting de Lisboa xogaba na “UEFA Cup” a eliminatoria de oitavos de final contra o Atlético de Madrid, e como queira que un é futboleiro e os “bilhetes” non estaba caros pois alá me fun “sozinho” non sen antes mercar un sandes de queixo e presunto. Preséntome no estadio Jose Alvalade con ben de tempo (pois tiña medo de quedar sen entrada) e, xa co meu boleto na mao dispóñome a franquear as medidas de seguridade que consistían no cacheo por amable “UEFA Steward” portugués, supoño que ben aleccionado polos seus superiores de empregarse con moito celo xa que os siareiros do Atlético pasaran a mañá a guindar pedras nos arredores do estadio (un día gustaría saber cómo é posible que varios miles de persoas poidan viaxar cada semana, entrar en estadios de fútbol e gardar o seu traballo ou non arruínarse). E aquí comezan os problemas. O sandes de presunto “não passa”, supoño que porque pode levar dentro un barreno de TNT. “Sem problema”, como o sandes a toda pastilla pra, no segundo intento de entrar, descubrir que no bolso da miña casaca levo o meu tubo de dentífrico sensodyne e o meu cepillo de dentes. Despois dunha discusión, breve, co “UEFA Steward” quédame claro que o cepillo pasa pero que a pasta non. Así que eu, que son devoto da Virxe do Puño, saio outra vez pra fóra do estadio e deixo o meu tubiño contra un pilar onde agardo que pase o máis desapercibido posible. Entro, vexo o xogo, que remata 2-2 cun par de bos golos do Kun Agüero. Os radicais do Sporting, chamados “Juve Leo” fan estoupar dous barrenos e o estadio case cae embaixo, supoño que darían cun “Steward” máis condescendente. Satisfeito co espectáculo saio a rencontrarme co sensodyne. E ó saír e recuperalo, coas súas lendas en Francés e Inglés, invádeme a sensación de que nese tubo de dentes se condensa a globalización, imaxino que un policía tivese reparado nel e supoño a súa sorpresa porque, ¿qué raio fai un tubo de dentífrico do Québec contra a parede do José Alvalade nun xogo de futebol entre una equipa portuguesa e outra española? supoño que a resposta obvia era… viña no bolso dun galeguiño e non llo deixaron pasar.
|